José Manuel Souto

O mércores 3 de outubro pasado o barrio perdeu ao seu grande puntal, José Manuel Souto, responsable da Cáritas Parroquial de Santa Cruz e persoa absolutamente comprometida coa causa dos empobrecidos e descartados da terra. 

Gran compañeiro, amigo e mestre, acudiu á chamada do Señor sen ter abandonado nin un minuto a aqueles que son os seus predilectos, aos que xa lles tiña entregada a súa vida.

Non é doado facer unha semblanza dunha persoa que, como José Manuel, traballaba en silencio, nun segundo plano, sen protagonismos. Sen que a súa man dereita coñecese o que facía á esquerda, porque así, nestas condicións, resulta sempre unha narración moi limitada do seu quefacer ao longo da súa vida.

José Manuel era un dos últimos expoñentes dese grupo de discípulos directos de Don Gabriel Vázquez Seijas daquela primeira hora dos anos 60. Unha xeración responsable da construción dunha personalidade propia para o barrio, transmitida de pais a fillos e destes aos netos, onde solidariedade, irmandade e compromiso formaban parte do cotiá, da normalidade absoluta nas relacións entre a veciñanza, case diría que da composición do código xenético da nosa xente.

Home boísimo pero firme e de decisións rápidas, puxo ás súas dotes como empresario ao servicio da parroquia e do barrio en moitísimos ámbitos, participando na posta en marcha, xunto con Gabriel, de iniciativas absolutamente rompedoras para a época, como as cooperativas de vivendas de Santa Cruz ou o proxecto comunitario do Albergue de Esmelle, polo que pasamos xeracións e xeracións de mozos que fomos quen de atoparnos coa mirada do Señor no medio da mesta natureza.

Foi impulsor e organizador do Toldo da Tafona nas festas patronais de Santa Cruz, exemplo perfecto desa combinación de espírito festeiro e solidario do noso barrio e do seu enorme enxeño para a obtención de fondos para os máis necesitados polas vías máis insospeitadas.

Inmune ao desánimo, nada nin ninguén foi quen de disuadilo de deixar o traballo que o Señor lle encomendara a sabendas de que non tiña xefes que se lle puideran morrer.

Nos últimos tempos a atención a Chelo era unha prioridade, pero o seu corazón sen límites permitía unha suma infinita desas auténticas prioridades da vida que el sabía diferenciar perfectamente.

Hoxe son os discípulos dos discípulos os que, incluso sen sabelo, traballan pola construción dun barrio mellor, dende conviccións de fe ou sen elas, pero sempre coa herdanza inconmensurable de xente que, como José Manuel, a deixaron gratuitamente no seu testemuño vital.

Pouca xente merece tanto a acollida e o descanso nos brazos do Señor coma ti, sabedor de que deixas un traballo ben feito, un traballo ben digno

Ata sempre compañeiro.

Comentarios

Publicar un comentario