Carreira lenta de bicicletas (para Gilberto)

O pasado domingo o barrio recuperaba aquela carreira lenta de bicicletas que, moitos anos atrás, formaba parte das actividades que se organizaban para a rapazada da miña quinta durante as festas patronais de Canido..

No momento de dar a saída veume de novo á cabeza o amigo Gilberto, que nese intre pasaba por un duro trance, e lembreino de cativo, participando naquela carreira na edición da nosa infancia na que, coas presas e improvisación, ninguén lle explicara as especiais normas desta competición de lentitude, arrancando coa súa bicicleta como un lóstrego no momento do pistoletazo de saída, deixando a todos os participantes por atrás dubidando entre frear o paso ou pisar o pedal ate rebentar. Pois hoxe pola mañá, como naquela ocasión, o amigo Gil, pisou o pedal da vida e arrancou de novo a todo trapo, deixándonos aos que o queríamos ben, coa mirada atónita do que non entende as razóns que moven este tipo de decisións divinas, aínda que as podamos respectar profundamente.

Gilberto forma parte xa das personalidades senlleiras do barrio. Dende pequeno mostrou unhas especiais dotes en tódalas artes. Debuxaba con frenesí e perfección e, a diferencia dos copistas baratos, creaba un imaxinario de personaxes e paisaxes para todos os compañeiros e amigos que, admirados, non entendiamos como man humana era quen de facer semellantes diabluras cun simple lapis.

Como actor e humorista era capaz de imitar á freguesía enteira, con independencia de xénero ou idade, de xeito que, imitación e orixinal, fusionábanse para a confusión de todos os presentes, que non sabíamos se esconder o cogote da colleja do parodiado ou rirnos a morrer con esa habilidade mimética de Gilberto e coa retaíla de chistes e historietas que improvisaba con cada palabra, xesto ou frase que puidese intercambiar co seu interlocutor.

Fotógrafo excepcional, gaiteiro, antropólogo membro da Sociedade Galega de Antropoloxía, ecoloxista, deportista.....e pai, grande pai. Papigil, que así se facía chamar no foro Canido Sostible e posteriormente nas redes sociais en referencia ao seu retoño, transmitiu ao seu fillo todo un universo de coñecemento sobre o patrimonio da nosa terra  e o quefacer dos nosos antergos, viaxando sempre xuntos coa ansia de descubrir unha nova mámoa, petroglifo, igrexa, dolmen ou calquera resquicio da cultura castrexa esparexida pola nosa patria. Poucas herdanzas tan cuantiosas coma esa podía deixarlle ao seu fillo que a bo seguro prenderá dando grande froito..

Gilberto foi construtor de Canido Sostible, posiblemente o visitante máis activo, o máis querido sen desmerecer a ninguén. Un amigo que non faltou a ningunha cita como gaiteiro para amenizar o noso Toldo cando se lle pedía. Ese Toldo que representaba a esencia do Canido no que nos criamos, o de Gabriel, o do Abergue no que tantos veráns pasamos escoitando as súas historias nocturnas. O Canido correoso, solidario e sostible do que el foi arquitecto e albanel, membro dunha das sagas máis auténticas que encabezaba a aboa Purifica, da que sempre falabamos os dous e de como sería esa homenaxe que lle renderíamos neste blog.

Agora foste ao seu encontro e estache abrazando e dicindo con tenrura que como ves tan cedo á cea,  que non había presa, que esta carreira tamén era lenta.

Apertas amigo. 

Comentarios