O noso modelo de barrio

Para quen non coñeza o barrio, dicir simplemente que Canido é un núcleo rural integrado no centro urbano da cidade de Ferrol, así de sinxelo, como pode ser San Pedro de Visma na Coruña.

A tendencia actual do urbanismo, mal chamado "moderno", consiste en concibir estes espazos como núcleos a extinguir por absorción da trama urbana. Digo o de "mal chamado", porque noutras lares, con sociedades moito máis avanzadas que a nosa (si moito máis avanzadas, porque non o dubides, hai máis alén dos nosos narices) as actuacións sobre estes núcleos son de tipo conservacionista. Voume a explicar. Cando era un pequeno, eu, do mesmo xeito que todos os colegas do barrio, pasabamos unha chea de horas xogando polas corredoiras do barrio. A nosa vida era unha mestura de críos urbanitas, metidos en pisos e xogando na rúa, e críos de aldea, a dous pasos de casas baixas con horta e galiñas. Roubabamos froita, delito xa prescrito, e nos apedreábamos acotío. A xente vivía con moi pouco (xa falaremos do cura, Don Gabriel, un fenómeno) pero polo menos tiña un anaco de terra na que traballar. A arquitectura tradicional poida que non sexa a de Taramundi, para que nos imos a enganar, pero ten un interese fóra de toda dúbida. Para ilustrar o meu modelo de barrio vouvos a pór un exemplo. A algúns vos soará Aalborg (onde o da carta polas cidades sostibles). Non fai moito tempo tiven a sorte de viaxar por motivos de traballo. Alí atopeime cunha cidade de tamaño medio na que o vehículo privado é unha excepción e a bicicleta é a raíña, e onde o concepto de sur divertido e norte aburrido caeu abaixo. Sen querer mitificar un lugar que supoño que terá os seus defectos, só quero indicar unha cousa: os barrios obreiros de casa baixas, sen peches de seguridade, con xardíns impecables e con arquitecturas humildes pero de extrema beleza, estaban impecablemente coidados e protexidos da especulación urbanística (tardei tres días en atopar un guindastre). Con iso só quero dicir, que a xente con menos recursos tiña a oportunidade de gozar dun espazo inténsamente belo, ao contrario que aquí, onde somos expulsados inexorablemente polo empuxe dos ricos, aos que agora lles apetece vivir (a todo tren) onde antes non querían nin entrar, e aos de aquí tócanos buscar unha vivenda social en Pernambuco. Por que non copiamos o bo doutros países e non só os McDonals.

Comentarios