Meninas de Canido 2017


Creeo que xa escribín suficientemente do tema por outras vías do mundo virtual, pero quería deixar constancia, neste meu blogue, para a posteridade, o que ao meu xuízo implican as Meninas de Canido e, á súa vez, o que implica e supoñen os procesos de oposición máis ou menos velados ou directamente contrarios ás mesmas.

Este ano 2017, Canido Sostible cumpre 10 anos do inicio da súa andaina un 20 de novembro de 2007. A razón fundamental da creación deste blogue, hoxe semi esquecido, foi precisamente tentar facer rexurdir o espírito de barrio que eu atopei un pouco apagado despois de case 12 anos vivindo fóra de Ferrol, así como contra uns movementos especulativos que o goberno do daniño Juncal estaba a poñer en marcha para que os seus amigos construtores fixesen negocio a conta do modo de vida dos nosos veciños máis empobrecidos. O exemplo máis claro de todo iso foi a rúa de Ínsua e conxunto de edificacións que foron derruidas, incluída a ténda bar que fora de Fe, onde vivían veciños dunha economía precaria aos que se quería mercar con indemnizacións ridículas.

A situación do barrio era desastrosa en canto a estado de conservación, debido ao escaso valor que se lle outorgaba á nosa arqutectura popular e á nosa contorna semirural, que mesmo era obxecto de burlas por parte de algúns que hoxe igual ate terracean no Cruceiro.

Canido Sostible quixo poñer en valor esa estrutura física de barrio, pero tamén a estrutura social que frouxeaba debido a unha asociación de veciños que miraba máis polos seus problemas que polos do conxunto dos seus veciños, do que fun testemuña durante a miña colaboración nos orzamentos participativos de Irisarri, e pola perda desa identidade labrada a lume por persoas que, da man de Gabriel Vázquez Seijas (Don Gabriel), crearan unha rede de participación, solidaridade e apoio mútuo desde a nada, que era necesario resucitar. Aí aparecen no blogue algunh@s representantes aos que fun mencionando e aos que lles quero recoñecer o seu traballo, como Reme, Araceli, José Manuel Souto, Correa, Anxo Brea, Merceditas, Qunín, Purifica.....etc etc etc etc (cada un que poña a quen considere).

Un non é Deus, nin nada semellante, só ten a capacidade que ten e é a de manter a memoria viva do barrio para que outros, máis hábiles co seu impulso desen o paso neccesario. Nese grupo de persoas, de nova fornada, podemos destacar actualmente a figura de Eduardo Hermida e a dos seu irmáns, pero non porque non haxa que reivindicar a máis persoas que traballan polo barrio, como todo o equipo de voluntariado da parroquia, os scouts, os que se implicaron coa nova e brillante AVV, os que apostaron por montar o seu negocio no barrio, que tentan sacar adiante as asociacións deportivas locais, quen participa discretamente con apoio económico ou moral..., en fin moita xente, pero volvo centrarme en Eduardo, e vouno a explicar.

En febreiro de 2008, cando as meninas formaban parte do mundo das ideas, é dicir, non existían máis que no imaxinario de Eduardo, eu escribinlle un artigo destacando a súa faceta artística, que a min parecíame non suficientemente recoñecida no seu propio barrio. Foi unha premonición do que logo viría converterse na revolución das meninas.

Pero a onde quero chegar, pois moi sinxelo, que botando a vista atrás a dez anos de barrio, moitas das cuestións que se denunciaban foron afrontadas por unha dobre vía, a institucional, cun investimento cuantioso con fondos do Plan Urban que non tería sentido sen a vía popular de reivindicación da nosa identidade como barrio mediante unha idea que ao cabo se demostrou brillante, as Meninas de Canido, capaz de sacar lustre a nosas engurras e mostrar a parte máis bela do noso ser a aqueles que, desde fóra, non eran capaces de vela. E conseguiuse.

Hoxe o barrio non é o de Alicia no País das Marabillas, tampouco hai que pasarse de optimista, pero é un barrio atractivo para todo o mundo e o mellor de todo é que aínda está ao alcance dos nosos veciños para que poidan quedar nel. Este é o punto crave do éxito futuro do proxecto: unha oferta atractiva para que outros poidan vir a vivir aquí que non choque co desexo dos de aquí a seguir vivindo e mesmo gañarse a vida no propio barrio, creando unha economía de proximidade totalmente sustentable. Hai que fuxir das modas, porque o quen vén só pola moda non interesa, é pan para hoxe e fame para mañá. Hai que consolidar as estruturas humanas e asociativas, máis aló da AVV, como hoxe sucede coa agrupación cultural Muiño do Vento. Esa é a vía.

As meninas 2017 foron un evento do que estar orgullosos. Se por calquera circunstancia tes unha opinión diferente debes replantexala e analizala obxectivamente deixando de lado cuestiones persoais. Só desa maneira podes entender a magnitude desta actuación aínda que podamos coincidir en que todo é mellorable e cada ano haxa que avanzar e corrixir erros.

Este blogue foi parte do escapate da primeira edición, as miñas fotos precarias daquelas actuacións na Tafona e das primeiras pnturas tiveron un seguimento brutal, nembargantes hoxe son reportaxes en televisións e prensa de todo o mundo quen lle dá cobertura. É sinceiramente para sentirse orgulloso.

Pois finalizo dando ánimo para seguir traballando pola base, por facer crecer o movemento asociativo local: Ecoloxismo, precariedade laboral, economia social etc etc, son propostas que lanzo ao aire e para as que este blogue e este prea que escrebe está á vosa disposición como sempre, sabendo que entre os nosos veciños existe un potencial extraordinario que esta dando o seus froitos.

Unha aperta e que Canido camiñe cara á sustentabilidade da man dunha Menina.

Comentarios