A Misión

Cando vemos as imaxes de Robert de Niro subindo polas cataratas de Iguazú cargado con aquelas armas que quería deixar atrás, en sinal de penitencia, para iniciar esa nova vida na misión que os Xesuitas tiñan cos indios guaraníes, un pode supoñer de xeito aproximado o que puido ocorrer hai moitos anos polas terras de Canido. 

Lembrábase con motivo do 50 aniversario da parroquia de Santa Cruz que o día 4 de agosto de 1964 o bispo Jacinto Argaya asinaba o decreto de erección dunha nova parroquia na cidade de Ferrol á que lle chamaría Santa Cruz de Canido. Así o facía. "por consideración a Canido, onde as Festas de Maio tanto entusiasmo espertan", explicaba o prelado a través da carta de presentación do novo ente parroquial aos veciños. Xa daquela as festas da Cruz de Maio eran motivo de grande alegría para a veciñanza.

Nese acto de inauguración da parroquia celebrado no Cruceiro, que ilustramos na foto de arriba, aparece sentada unha muller escoitando os discursos que precederían ao seu e preto dela o obispo e máis un párroco moi novo chamado Gabriel, que como Jeremy Irons acudía a unha misión complexa, a de evanxelizar un barrio formado por traballadores pobres e non precisamente amantes do clero en boa medida. Esa muller foi tamén a primeira persoa do barrio á que Don Gabriel comunicoulle o seu nomeamento como párroco.

Sin embargo, a historia da misión evanxelizadora no barrio non empeza coa parroquia de Santa Cruz nin con Don Gabriel, aínda que éste foi o seu maior exponente, empeza coa presenza dos Mercedarios a partires do ano 1932, lembrándonos dalgún  deles, como o Pai Peláez, o Pai Puga, que posteriormente foi para Cuba, o Pai Carrera ou o Pai Emilio. 

Nunha primeira etapa, a función dos Mercedarios foi a da preparación á primeira comuñón. Esta foto coa que ilustro é precisamente dese catecismo, primeiro xermen do que posteriormente sería a primeira capela do barrio, na zona de Alonso López, fundada polo Pai Emilo gracias á colaboración de todos os veciños, moi pobres moitos deles, que vían así a posibilidade de non ter que acudir fora do barrio á misa dominical. A súa ubicación era a da casa que aparece na foto de abaixo. 

Nesa colecta para a nova capela, así como para o mantemento do catecismo nas súas orixes, estaba a muller dese discurso inaugural do que falabamos, pero moito máis pequena, que contounos como no Corral do Chapón unha muller moi humilde, que solo tiña por capital dúas pesetas, sin que ninguén llo pedise soltou unha delas para que puidese facerse realidade o seu soño dunha capela no barrio, como a viúva aquela da pasaxe evanxélica. Así foi sempre de xenerosa a nosa xente.

Aquel catecismo durou ate a chegada do novo párroco, pero moitos dos que hoxe son xa homes talluditos acudiron ao catecismo do Pai Peláez que facía como Robin Hood, sorteando entre os rapaces maís pobres do barrio os xoguetes que lles requisaba aos máis ricos do Tirso, onde impartía a docencia, e si somos sinceros, favorecendo un pouco que os fillos da muller do discurso se levasen moitos deles. Era o simpático xeito de amosarlle o grande aprecio que lle tiña á súa antiga catecúmena e grande colaboradora.

Así foi, máis ou menos, a historia da Misión guaraní de Canido, e así somos os fillos deste barrio na beira do Orinoco da Ínsua.

E así somos tamén os fillos desa muller chamada Patro que tanto contribui a que esta parroquia nacera e crecera e que reivindica unha homenaxe a aqueles pioneiros, os Mercedarios,  que eu fago ao meu xeito dende este humilde blogue. 

Mañá máis.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Meninas de Canido 2017