Aclaracións

Canido [08/03/2015]
Non é habitual que faga isto, pero despois dunha conversa informal cun veciño, pareceume oportuno realizar certas aclaracións sobre os últimos artigos que aparecen neste blog.

En primeiro lugar unha cuestión de orde en relación co cambio de plantilla que realicei recentemente na páxina -e que terei que desfacer-  que fixo desaparecer as datas de publicación dos artigos, imposibilitando determinar o momento exacto en que saen á luz, o que está creando bastante confusión nos lectores.

Así creo que debeu pasar co artigo titulado "Que é a Igrexa?", que pese a ter sido publicado hai un ano, a algunha xente pareceulle recente, e que se volvía a insistir no tratado na entrada titulada "Toldo da Tafona e Festas de Canido", escrita a petición dun dos organizadores do devandito evento tamén o ano pasado.

Concretamente "Que é a Igrexa?" foi escrito como contestación a un dos comentarios que realiza un usuario anónimo en relación ao titulado "Toldo da Tafona...", que viña a dicir o seguinte:

“Moi bo artigo. Penso que é difícil o equilibrio entre a evolución e as tradicións e moito mais entre a igrexa e o progreso. Creo que a igrexa é culpable de moitos dos males do mundo, e tamén de Canido. Se non estou equivocado o albergue de Esmelle, que fixeron os veciños de Canido co seu traballo e diñeiro, agora mesmo é do obispado que se apropiou del, fai uns anos, de forma cando menos dubidosa. Así que visto dende outro punto de vista o recadado nas tapas da tafona vai ir directamente ó peto a da igrexa, una asociación multimillonaria.

Outro galo cantaría se os curas fosen todos como don Gabriel, que poñía a humanidade e o sentimento social de barrio por riba da igrexa, e xente como a nomeada e xenial Reme e tantas outras tan involucradas na parroquia, que facían do barrio esa unidade social que tan necesaria sería agora.

Creo que é necesario ir eliminando á igrexa dos estamentos, pero isto non xustifica que non se respeten as crenzas e as tradicións de moitísima xente do barrio. O dito un equilibrio difícil”

O plantexamento feito dende a diferencia, pero dende o máximo respeto, pareceume moi interesante, sobre todo polo debate que xeraba, escribindo un artigo como contestación que saíu dun tirón, sen corrección algunha, no que en ton de catequese de taberna intentei dar o meu punto de vista sobre aquelas cuestións importantes que se poñían enriba da mesa, dando por sentado que se lera previamente a réplica arriba sinalada. A realidade é que iso non debeu acontecer en todos os casos, levando a algunha xente a unha interpretación xustamente contraria á pretendida.

Un par de exemplos que ilustran perfectamente esta confusión. Na parte que fago referencia á primeira das cuestións plantexadas na réplica, en concreto cando se fala dos "danos xerados pola igrexa no mundo... ", de xeito incomprensible, parece que se interpretaba que son eu quen opina tal cousa. Está claro que só se pode crer iso se non se leu nunca Canido Sostible, pero na medida que poida quedar a máis mínima dúbida sobre o tema, aquí queda esta aclaración.

Outro dos temas dos que me falaba era o do albergue de Canido, un lugar que todos consideramos un pouco noso polo moito que marcou as nosas vidas, un lugar que xera en todos nós un impulso natural e espontáneo na promoción de iniciativas para devolverlle o seu vello lustre, pero que lonxe de pretenderse á marxe dos seus lexítimos propietarios e xestores, hai que entendelas dende a boa vontade da xente, como auténtica semente dunha comunidade parroquial na que todos, independentemente do seu xeito de pensar, se sintan acollidos. 

Canido Sostible, como plataforma aberta que é, foi e seguirá sendo altavoz destas propostas, porque entende que é fundamental canalizar estas forzas positivas. Por iso no artigo insisto na necesidade de fomentar o compromiso na xestión parroquial, porque é fundamental concretar esa boa vontade traballando e asumindo responsabilidades no eido baixo cuxa custodia se atopa o albergue que é a parroquia, igual que esta, pola súa banda, debe estar aberta á sempre necesaria participación dos veciños de toda clase e condición, como estou convencido que está, conscientes que a realidade actual é moi diferente á de 30 anos en relación coas esixencias legais dunha edificación destas características.

Por último e relacionado co anterior está o apartado final no que falo do destino dos fondos que se entregan á Igrexa, que sempre xera polémica.

Sabemos que tradicionalmente o destino do Toldo da Tafona é a Cáritas parroquial é dicir, os máis empobrecidos do barrio, así naceu e seguiu durante moitos anos. Hai 15 artigos neste blogue que falan do Toldo e o seu papel solidario e non son poucos os artigos que lle adico a necesidade de doar parte dos nosos cartos a esta institución parroquial, especialmente na colecta do Nadal. Os empobrecidos deben ser sempre a nosa opción preferente e por iso eu non teño dúbida que si hai un destino ideal dos fondos, ese é Cáritas parroquial. 

Non obstante, esta opinión xa manifestada no seu momento, non é incompatible con opinións noutra dirección, e non podo máis que amosar o meu absoluto apoio, respeto e agradecemento por quen decidiu doar parte do seu tempo e traballo en organizar o Toldo o ano pasado, igual que o fixen anos anteriores e farei nos sucesivos, aínda que se opte por outras alternativas loables. Ao final todo se reduce a unha cuestión de pura contabilidade.

No artigo o explico de xeito un pouco bardallas,  a partir da definición  de "asociación multimillonaria" que se utiliza para a Igrexa, cunha serie de exemplos que utilizo para caricaturizar moitos dos comentarios sobre o destino desas doazóns. 

Pero por aquelo de "excusatio non petita, accusatio manifiesta" non quería dar tanta explicación, e moito menos máis longa que o propio artigo, máis que nada porque me parecen obviedades para quen me coñece un pouco, pero tampouco quero xerar un conflito innecesario.

A miña defensa das parroquias como entes aglutinadores do espírito de barrio e como dinamizadores da conciencia social é constante, aínda que non nos quede máis remedio que admitir os lóxicos altibaixos (máis baixos que altos) comúns á práctica totalidade destas comunidades. Non admitir isto sería como crer estar vivindo como Alicia no país das meninas. 

Dende a orixe do blogue reivindiquei a figura de Don Gabriel (podería telo feito do Gran Hermano ou de Sálvame Deluxe) e de todas aquelas persoas que traballaron e traballan polo barrio dende posicións de fe ou dende o agnosticismo, para min todas parroquia, que deben ser referencias para para os que hoxe se atopan afastados, obxectivo tamén preferente deste blog, aos que se dirixe coa ilusión case infantil de poder espertar a súa conciencia comunitaria fondamente arraigada neles.

Moitas veces falo desa falta de espírito comunitario referíndome a min mesmo, á miña xeración e posteriores, que desaproveitamos eses testemuños vivos, chegando mesmo a adoitar posicións de belixerancia con aqueles que construíron o que hoxe disfrutamos, coñecedor de que existe unha chama viva nas dúas parroquias do barrio á que constantemente fago alusión en decenas das entradas que poboan esta historieta chamada Canido Sostible. Nunca fun quen de ver as pallas nos ollos dos demais, consciente das vigas que enchen os meus.

Por elo, aínda que ninguén me pediu tal cousa e sen que sirva de precedente, por primeira e última vez, realicei algúns cambios no artigo para que sexa entendido por si mesmo, sen necesidade de acudir a outros textos, pero sen que perda a súa intención nin a forma en que sempre trato todos e cada un dos temas, con todo o humor que o meu estado de ánimo me permite en cada momento e coa mesma liberdade que eu mesmo defendo para os demais, como sempre demostrei neste blog e no seu defunto foro. Puxen termos como "tal como se comenta, tal como se fala..." para que se entenda cando son opinións miñas e cando non, como en Barrio Sésamo. O resto intacto, guste máis ou guste menos, dando por rematada a explicación.

En definitiva, leamos novamente o noso  MANIFESTO por un barrio sostible, gocemos da vida que nos regalaron, preocupémonos dos problemas barrio, comprometámonos na súa transformación, e que nada nin ninguén free o noso impulso vital.


Canido Sostible

Comentarios

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Lolo Correa