Canido Calidade

Empezámolo ano, e é hora de facer un balance do 2010. Pouca cousa que dicir. Cun par de liñas creo que sería suficiente, pero vou escribir catro ou cinco.

A nivel inversor, migallas. Creo que nin vale a pena meterse en explicacións das catro chorradas que se fixeron ao longo do ano. A estrela é a rúa Pérez Parallé que segue sen inaugurarse, tomada polos veciños á espera de que o concello teña suficiente autoridade para facerse escoitar pola empresa constructora que a executou moi malamente. A rúa Celso Emilio Ferreiro foi obxecto dunha actuación de mellora, a construcción do parque biosaudable en San Rosendo e un par de contenedores que se puxeron por aí, son a pobre bagaxe no barrio. Eu polo menos non lembro moito máis, se alguén me refresca a memoria con algo que se me esquencera, agradezoo.

No eido asociativo o máis reseñable é a nova directiva para a A.VV de Canido, que mudou por completo por razóns que moitos intuimos. Un novo grupo de persoas para defender os intereses da nosa comunidade dos que todos esperamos que manteñan o seu pensamento de barrio, e que parece que empeza a dar os seus froitos neste ano que escomenza. Falo concretamente dunha pequena alegría que atopei camiñando pola rúa Alegre hoxe pola mañá cando vin un cartel que instaba a mercar no comercio de barrio, baixo a marca Canido Calidade. Eso está moi ben.

E está ben por varias razóns. A primeira é que esa marca xurdiu no foro Canido Sostible da boca de Serxio Perille e foi materializada en canto a deseño por Mosco Fly. A segunda, obviamente, porque o comercio de cercanía é un xesto de sostibilidade que todos podemos facer a diario para favorecer a economía local e a reducción de emisións de CO2. Dende o local cara o sistema planetario. 

Eu pola miña parte espero que o noso manifesto, o manifesto do barrio, tivera algo que ver nesa aposta da A.VV. Non o digo polo meu ego, que o teño pouco desenvolvido, o digo porque se despois de tres anos, algo do escrito neste blog se materializa en accións concretas, quere dicir que xa está amortizado o traballo por unha boa tempada.

Este electoral 2011 traerá sacos de promesas, pero eu xa estou un pouco curado de espantos. 
O bo de todo é que nas nosas máns está a posibilidade de cambiar o rumbo do barco e de que impidamos que nos tomen o pelo.

Só fai falla a unidade da que neste momento carecemos.

Saúdos

Comentarios