Foros Cívicos

Hoxe celebrouse o Foro Cívico adicado ás Novas Tecnoloxías, Enerxías Alternativas e Aforro Enerxético organizado pola Concellería de Participación Cidadá no centro cultural Carvalho Calero. A intensa choiva no exterior  dificultou en parte a asistencia, pero non impediu que un grupo de veciños comprometidos na loita contra o cambio climático donasen parte do seu tempo libre en tentar facer propostas para un Ferrol baixo en carbono.

Eu cheguei alí invitado a aportar o meu punto de vista nunha pequena conferencia na que puiden contar algunhas experiencias nas que participo na miña vida profesional. No meu lado, Camilo Casal da Agrupacion Didáctico-Medioambiental Lapis Verdes, e Xavier Picos, da Asociación Cultural e Medioambiental Picos do Sol. Unha auténtica sorpresa ámbalas dúas. 

Camilo Casal, antigo profesor meu en 2º de BUP aló polo ano 85, segue mantendo a súa grande capacidade didáctica, o seu espíritu de loita e a inquietude medioambientalista de antano. Lúcido e acertado en tódalas súas propostas, coa rebeldía e a independencia de quen sabe perfectamente o que a humanidade se xoga con esto das emisións de CO2.

Pola súa banda Xavier Picos mostrou a súa experiencia na Feira do Sol. Unha montaxe que leva por toda Galicia unha mostra práctica de como as enerxías renovables son unha posibilidade perfectamente válida neste momento, rompendo o tópico da súa inviabilidade polo seu elevado custo. Fornos solares fritindo pementos do Couto, facendo magostos, combinado con malabares e actuacións circenses. Unha auténtica marabilla.

As ponencias deron paso a tres grupos de traballo dos que saíron diferentes propostas en aforro enerxético, enerxías renovables e cambio hábitos de consumo, que unha vez votadas, estarán a disposición do Concello como laboratorio de ideas.

Moitos coma min, levamos moitos anos pelexando por uns concellos máis participativos, nos que os cidadans teñan á súa porción na toma de decisións, e teño que recoñecer que Ferrol está apostando moi seriamente neste asunto, e sabedes que eu non son dos que se casa fácilmente con ninguén. Os feitos son os feitos.

Canido Sostible naceu coa idea de convertirse en plataforma cidadá vinculada á loita por un barrio máis sostible. Hoxe en día é unha plataforma virtual moi válida, pero os tempos piden máis compromiso. Queixábase con toda a razón o concelleiro de que Canido e Ferrol Vello tiveron pouca aistencia nos orzamentos participativos, cando son dos barrios máis abandonados.

Aí precisamente está a clave do abandono do noso barrio, na ausencia de masa crítica, de entidades que presionen para evitar todo tipo de machadas como as que temos soportado dende anos (mexan por nós....).

Pero eu entendo que en casa estase moi ben, e que Belén Esteban é a Raiña do Pobo.

Para os que lles pareza un adefexo, está Canido Sostible.


Boa noite.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Lolo Correa