José Alonso López y Noval

Moito levamos falado da rúa Alonso López e da nosa reivindicación como zona peonil. Tamén escoitamos da súa condición de rúa Real de Canido e de eixo do desenvolvemento do barrio.

Pero o que non tanta xente sabe é quen era ese persoaxe que bautizou a nosa rúa máis querida. Para documentar o tema, e recomendar de paso unha lectura interesante, vou coller literalmente o que del fala o libro "Ferroláns" de Guillermo Llorca Freire.

José Alonso López y Noval "Nace o 2 de novembro de 1763 no ambiente ilustrado da capital departamental, cando o pulo acadado pola construcción naval atrae a esta poboación a grandes técnicos e artistas. En 1786 ingresa como piloto da Real Armada e cinco anos despois é destinado ó Observatorio Astronómico da Academia de Gardas Mariñas da súa cidade natal. Durante doce anos exerce nela como profesor de Matemáticas.

Co principio da nova centuria é comisionado polo Arcebispo de Santiago para levanta-lo plano xeográfico e estadístico da Arquidiócese. En 1802 a Universidade compostelana saca a concurso de oposición a cátedra de Matemáticas e Alonso é designado membro do tribunal. Un ano despóis é nomeado comisario de Camiños de Galicia e participa posteriormente na medición dun arco de meridiano.

En 1808 forma parte da Xunta de Defensa de Ferrol contra as tropas napoleónicas e ocupa o cargo de comandante de Enxeñeiros das súas fortificacións. Durante a ocupación francesa da cidade négase a xurar fidelidade ó rei Xosé e fuxe unha noite levando o plano da praza militar e dos castelo de San Felipe, ademáis de deixar abertas dúas portas do recinto amurallado por se algunha forza española tentava recupera-la vila.

A súa carreira política comeza en 1810 cando é elexido, polo partido de Betanzos, en representación das vilas de Ferrol e A Graña, como deputado nas cortes de Cádiz. Será o único membro dos que representan á Xunta Superior de Galicia de tendencia liberal. Co regreso de Fernando VII sofre unha dura persecución que o obriga a exiliarse en Inglaterra. Tralo pronunciamento de Riego, en 1820, regresa e volve ser elexido parlamentario ata 1823, cando o golpe absolutista bótao de novo do país.

Nas Cortes desenvolve un intenso labor lexislativo. Entre algunhas das súas iniciativas -recollidas polo miudo polo seu biógrafo Emiliano Balás- cóntase o establecemento en Xuvia dunha fábrica de acuñar moeda de cobre, a protección á agricultura, industria e comercio e ás clases menesterosas, a abolición dos señoríos civís e eclesiásticos, o reintegro a Madrid das Cortes constitucionais, a extinción do Tribunal da Inquisición así como da tortura, e a igualdade de dereitos e representación parlamentaria de Ultramar.

Seis tomos, en tres volumes, máis un caderno de gravados cun total de 1680 páxinas constitúen o seu traballo enciclopédico que leva o longo título de: Consideraciones generales sobre varios puntos históricos, políticos y económicos, a favor de la libertad y fomento de los pueblos y noticias particulares de esta clase, relativas a Ferrol y su comarca. (Madrid, 1820).

A pesar de ser unha obra sobranceira das Ciencias Sociais da Galicia do século XIX, se se-la primeira aproximación global á Historia de Ferrol, do seu rigor e espíritu crítico, e das súas importantes aportacións, como os primeiros datos meteorolóxicos experimentais, foi un libro maldito e ata hoxe pouco coñecido. Polas circunstancias opresivas do momento, o autor tivo que empezar a editalo no extranxeiro baixo seudónimo e gastando tódolos seus aforros. En 1823 foi retirado das librerías e a maior parte da edición foi vendida á morte de Alonso pola súa viuva como papeñ ó peso para envolver.

Este mariño, enxeñeiro, matemático, político, escritor, políglota e crítico musical, morreu na súa vila o 26 de decembro de 1824. Aproveitaba calquera ocasión para sinalar ó elemento clerical como inimigo eterno da sociedade e a súa morte correu o rumor de que á súa alma vagaba polas noites en forma de pantasma polos arredores da súa casa, preto do Cruceiro de Canido, por onde hoxe unha rúa lembra a súa memoria. En realidade tratábase dun axudante da praza, un oscurantista furibundo, que camiñaba sobre zancos, cunha luz na cabeza e unha campá na man, e lanzaba laios. Finalmente foi detido pola policía, como membro da reacción clerical, que deste xeito se vingaba do espíritu liberal de Alonso".


Historia impresionante. E parece que Canido empezou onte.
Outro día máis.

Comentarios

  1. Parabens por rescatar e divulgar parte da historia que nos pertence, de agora en diante alomenos para min Alonso López xa ten outro significado.

    ResponderEliminar
  2. Me ha gustado mucho la historia de Alonso Lopez creo que no nos viene nada mal culturizarnos un poco con temas de nuestro barrio

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Meninas de Canido 2017