Lolo Huertas

O outro día dixen que non tiña intención de publicar máis necrolóxicas, pero non sei se vou ser capaz de cumprir a miña palabra. E dígoo, porque o día 15 deste mes cumpriuse un novo aniversario da partida dun dos personaxes do barrio ao que máis aprecio lle tiña, Lolo Huertas.
Eu son de natural despistadísimo, e me esquezo habitualmente de todo tipo de datas sinaladas, incluso dos meus cumpreanos. Isto, como vos imaxinaredes, me ocasiona máis dunha situación incómoda, especialmente coa parenta. Sen embargo dificilmente me pasará co 15 de marzo, porque o noso bo amigo Luís xa se encarga de lembrarma cada segundo, cada minuto, cada hora, cada día e cada ano que pasa, como un reloxo programado para manter viva a memoria de Lolo ata que o destino, nun futuro esperemos moi lonxano, decida reunilos.
Pero bueno, non vou repetirme. Xa falei do papel xogado por Lolo na vida de Luís. A xente que tivo contacto con eles saben do que falo. Nin o mellor dos irmáns, nin o mellor dos pais. Así de resumido.
Aínda que faga un esforzo enorme, non lembro un só día no que Lolo non che saudara cun sorriso ou cunha coña nova. Recordo unha que me dixo de cativo que dicía "¡saca la lengua monino!", e cando estaba coma un can, coa "sinhueso" de fora, concluía, "¡métela en el culo cochino!". Eu me escarallaba de risa e, por suposto, correndo a facerlla aos colegas. Aínda téñolla feito aos meus pequenos.
Cando parabas a falar con el era unha metralleta de anécdotas, historietas e crónica de sociedade do barrio. E falo do barrio, pero realmente debería dicir barrios, porque desligar a Lolo de Ferrol Vello, do "Muelle" como lle chamamos case todos, non sería de xustiza. Lolo era un embaixador canidiense na terra irmá de Ferrol Vello, e embaixador de Ferrol Vello cando estaba no seu fogar de Canido.
No vou presumir aquí de vivencias con Lolo, porque estaría a mentir. Entre el e máis eu existía suficiente idade como para ir a roubar froita xuntos ou a tirarlle pedras aos "fingidores", pero a miña cabeza está poboada de imaxes de Lolo asociadas a felicidade, a cachondeo.
Quixen poñer de ilustración o gorro mariñeiro de Lolo. O máis parecido que atopei é o que estades vendo. Non é o auténtico, pero para auténtico xa estaba el.
Opa Lolo!, deixa uns chocos para cando nos toque traspasar as portas de San Pedro.

Comentarios

  1. Si señor, asi tal cual era nuestro amigo Lolo, aparte de embajador en el muelle, alcalde en Canido. Creo que no hay personaje del Barrio que se merezca tal distinción ha día de hoy.
    Un saldo para el Capitán Lolo.

    ResponderEliminar
  2. Toda homenaxe as persoas sinxelas é pouco, estou farta de premios ás persoas por non facer nada o mesmo por facer o seu traballo, poren ,Lolo Huertas meréceo, ademais de todo o que se ten dito, era unha das poucas persoas que sabia o himno dos Reis Católicos, do colexio no que moitos y moitas de nos estudamos, sempre lle dicía: “un dia gravámolo” . Desgraciadamente non tivemos tempo, o si, pero quen o ía saber.
    Non sei si estará con san Pedro…si reencarnado nalgún animal marítimo…ou mesmo dando voltas por algures…pero o que si sei, con certeza, é que alí onde estea leva a esencia de Canido e do Muelle con Él.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario