O Tesouro

No Nadal comenteivos que descubrira un tesouro oculto aos meus ollos durante moitos anos pero que un día, por razóns que se escapan á razón, presentouse da forma máis inesperada.

Penso que se trata dun tesouro que define de forma radicalmente clara a personalidade do noso barrio e a do noso mestre, Don Gabriel.
É posible que a moitos de vós non vos estea descubrindo nada novo pero para min, teño que recoñecer, que foi un auténtico achado.
Ocurriu, como dixen, no Nadal, mentres lía a carta que, como todos os anos, envíanos a parroquia para solicitar o noso apoio na campaña de axuda aos nosos veciños invisibles, eses que teñen como único fogar o chan que polo que pisan e as estrelas do ceo. Ao rematar a lectura, nese punto no que aparecen a data e firma do párroco, non sei por que motivo, a miña mirada fixouse en algo que non deixa de ser un mero formalismo, un elemento que se utiliza simplemente para darlle seguridade ao escrito e confianza ao cidadán, oficialidade en definitiva, para evitar confusións con outras cuestacións máis ou menos fraudulentos que pululan por aí. Refírome en concreto ao cuño, ao cuño da carta.
Nunha época na que a xerarquía da igrexa, polo menos unha parte importante desta, parece afastarse da realidade do mundo obreiro, tomando posicións que politicamente podemos considerar entre bastante e moi conservadoras, posicións que aos que nos consideramos parte da igrexa prodúcennos un cruzamento de sentimentos enfrontados entre o que cremos e o que nos contan, o certo é que reencontrarse cun Cristo crucificado no campo da honra do traballo, nun guindastre cun fondo de chemineas, faime reconciliar e reafirmarme nas miñas ideas.
Chemineas e guindastres que podedes ubicar en calquera das fábricas nas que se forxaron, a "puro huevo", gran parte dos veciños e veciñas do barrio, os nosos pais e irmáns, os nosos curmáns e tíos, os nosos amigos e amigas, currando como negros para sacar adiante, por catro putos duros, á prole.
A Fenya, a Peninsular Madeireira, A Fábrica de Lápices, Bazán, Astano, calquera delas serviu de inspiración para o xenio que deseñou ese cuño. Un cuño que seguramente pasou desapercibido durante a ditadura pero que hoxe, sen lugar a dúbidas, escandalizaría a máis dun.
Aquí ofrézovolo, é voso.
Seguro que a COPE faille mañá un especial e Jiménez Lodemo porao de fondo de pantalla no pc.

Comentarios

  1. pois si un tesouro...ese era o cristo de don gabriel,o cristo obrero,o obrero ,obreros q don gabriel deixou refugiarse na iglesia de san rosendo cando os grises viñan mallando neles,na aquela manifestacion intrepida da peninsular,costoulle estar detido varios dias,don jose o parroco de san rosendo,levoulle todos os dias a comunion ao trullo,

    ResponderEliminar
  2. E alguén ben cercano a min o colchón para que non tivese que durmir no chan.
    Perigosísimo era Gabriel. Perigosísimo!

    ResponderEliminar

Publicar un comentario