MANUEL CAMIÑA E LUCITA MEJUTO

Se vos dixese que coñezo a estes dous veciños do barrio estaría a mentir. Nunca antes oíra falar deles ata que o noso amigo José María, auténtico historiador do Canido máis castizo, os recuperara do esquecemento con estas dúas fotografías que presento tal cal as recibo, sen os artificios do "fotochop".

Son fotografías do ano 1935 e nelas retrátanse a Manuel Camiña Canosa e á súa señora, Lucita Mejuto Bizoso.

El, maquinista en Bazán, naceu na rúa alegre en 1915 e viviu na casa dos Barreiros desa mesma rúa esquina co Corral do Chapón. A pesares de pasar media vida entre tuercas e tornillos, nunca perdeu o seu sentido do humor. José María defíneo expresamente como un auténtico cachondo mental e amante dos fogóns. Foi antecesor de Arguiñano e Arzak, preparando a súa grande especialidade, as rosquillas de anís, como nunca ninguén antes o fixera. Aínda se lembran hoxe en día os meneos que lle pegaba ás botellas de gasosa "Los 15 Hermanos" para estirar a masa ate deixala esponxosa como o mismísimo maná divino.

De Lucita Mejuto Bizoso dicir que, ademais de señora de Camiña, era familia dos donos da sastrería Mejuto da rúa Real e tiña un familiar vivindo no Cruceiro de Canido que se chamaba Carola Mejuto.

De Lucita non podemos dar moitas notas históricas máis si que podemos ofrecer un retal da súa personalidade que creo marcou a José María de tal forma que aínda hoxe en día sáltanselle as bágoas cada vez que ouve falar dela e, como non, do seu esposo Camiña.

Parece ser que esta grandísima señora, como así a lembra JM, rebosaba bondade e xenerosidade cos cativos do Corral do Chapón, de tal forma que practicamente todos eles tiveron en casa de Lucita un segundo fogar nos fodidos anos 60, ofrecendo agarimo en racións de tamaño familiar.

En 1964, Camiña e Lucita cambearon o barrio pola Porta de Neira. Creo que se perdeu con eles un dos arquetipos da familia Canidiense sen portas na súa casa, abertas sempre ás necesidades dos demais facéndoas súas propias.

Hoxe xa non están con nós, pero a súa memoria sigue viva na personalidade dun barrio correoso.

Aínda resoan aqueles cánticos dos cativos da rúa Alegre berrando "¡Manuel Camiña Canosa!" ao que el respondía socarrón, para non variar, aquel pareado de "¡chúpame la cosa!.

Para que tiemble Quevedo!.

Vai por ti José María.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Meninas de Canido 2017