Manu Chao é de Canido



Xa sei que nón é de Canido, aínda que non me importaría nada. Manu Chao é parisino, do paggisdelafrans, pero existen lazos que dalgún xeito o unen co barrio.

Eran outros tempos, cando o seu tío, o sacerdote Xosé Chao Rego, pasou pola veciña parroquia de Santa Mariña deixando fonda pegada. Tempos nos que a dictadura non permitía cachondeos, como pronto puido comprobar nas súas propias carnes o parente do xenial músico.

Foi nese momento onde algunhas persoas do barrio, ben coñecidas de min, déronlle apoio lóxístico e humano para facerlle os arrestos máis levadeiros, xogándose con esta actitude o seu propio pelexo.

Cando o pasado venres estaba no pedazo de concerto que deu na Coruña e escoitaba aquelo de "¡Contra o mundo!" acompañado doutros guiños e alusións máis ou menos explícitas a o barrio de Montealto, producíame, en certa maneira, un pouco de envexa insana (non coñezo outro tipo de envexa).

Eu que teño fillos "montealteiros" reconducidos a "Homo Canidiensis", non perdo a esperanza de ver un concerto de Manu Chao na tortillería da Tafona ou no Rías Altas. Tampouco estaría de máis un macroconcerto no baluarte ou no pavillón do San Rosendo. Seguro que se facemos contas, nós o merecemos tanto como os coruñeses. O outro día contabilicei suficientes veciños do barrio no concerto para facer unha petición formal.

Sería unha homenaxe caralluda ós veciños que tanto apoiaron ó seu tío e, por suposto ó propio Pepe Chao, que pasa por delicados momentos de saúde.

Veña Manu pásate por Canido. Nós invitamos ás tazas e ós claretes!

Comentarios