1 de Maio

Hoxe é día 1 de Maio, día do traballo.

Canido e traballo van unidos. Canido e xente traballadora son unha mesma cousa, por eso o noso patrón coincide con esa data (realmente é o tres, pero é unha licencia literaria).

O cruceiro de Canido engalanado con flores é algo máis que unha simple tradición, é unha ofrenda das nosas xentes á Santa Cruz.

Sempre me sorprende ver esas flores sinxelas, fermosísimas, postas con enorme cariño sobre o símbolo da nosa personalidade, como se aparecesen por arte de maxia, elas soas. Cando as vexo penso que Canido segue vivo, aínda que a luz que tiña noutros tempos parece empezar a esgotarse.

Por estas datas empezaban os ambientes de festa, gaiteiros, cabezudos, o "footing da amizade" promovido por Merceditas, os Maios, os chiringuitos, as luces e verbenas, pero sobre todo o Toldo da Tafona. Un símbolo da soliedariedade do barrio do que non me canso de falar.

Ultimamente a familia Perille, xenética pura do barrio, facía as veces de sostén desta tradición tan fonda, pero supoño que non contaron con todo o apoio necesario de quen o tiñan que ter.

Cómo se bota en falta nestes tempos o espíritu de Don Gabriel!. Gabriel e traballo eran un só. Traballadores e Gabriel tamén.

Neste 1 de maio quero recordar o episodio no que Gabriel, Don Gabriel, protexeu en tempos de Franco, na igrexa de San Rosendo, ós traballadores da Peninsular Madereira que fuxían dos "grises". Cando estos represores de réximen lle instaron a que os deixara entrar para deter ós fuxitivos, decindo "Venga Gabriel déjanos entrar", el respostou con furia "¡Para tí Don Gabriel, Don Gabriel, para tí soy Don Gabriel!. Acto seguido foi detido e trasladado a unha celda de menos de dous metros cadrados sen colchón. Ben, sen colchón ate que llo levaron os meus pais.

Supoño que xa nada pode ser como antes, pero eso non quere dicir que vaia a peor. Sempre queda a esperanza de que na diferencia, as cousas melloren, se recuperen tradicións perdidas e nazan outras novas, igualmente válidas.

Hoxe o recordo vai para o noso PARROCO, sí, escrito con maiúsculas e en negriña.

Que volte o teu espíritu, Gabriel!.

Para min Gabriel, sempre Gabriel.

Comentarios