Pablo Cuchara & Suso Trapos, bandidos de lenda

Cando de pequenos xogabamos a polis e cacos, a maior parte das pelexas producíanse para repartir o primeiro dos papeis. Pablo Cuchara e Suso Trapos pedíronse o segundo dos roles e aínda hoxe, aos seus corenta e moitos anos, seguen xogando a chourizos.

Houbo un tempo en que Canido tiña fama de lugar conflitivo, cheo de malandríns sen escrúpulos e bandidos comenenos. O certo é que algunha razón tiñan, tamén contábamos cos nosos propios ladróns, concretamente dous, e moi pouco profesionais, por certo. Cada vez que puñan a man para roubar unha botella de gaseosa, un trozo de luna dun bar, un paquete de patacas fritas ou unha bolsa da recadación dun banco -pero só a bolsa por suposto, a pasta nin tocala- entón, nese mesmo instante eran trincados por un rexemento de policía, e ao talego.
Así se pasaron os últimos vintecinco anos das súas vidas, entrando e saíndo da cadea por roubar casetes de coche escarallados, paquetes de tabaco medio cheos, cromos de Iribar case novos, condóns usados e outros botíns deste estilo. De cando en vez coábanse nalgún piso, pero por casualidade, porque o que realmente buscaban era un servizo no que mexar ou un suculento montón de roupa sucia.

Pablo Cuchara tiña un físico para subir catorce oitomiles, pero o seu afán científico levouno a experimentar co seu propio corpo os efectos de diferentes tóxicos por vía intravenosa: viño tinto, anestésicos para as muelas doloridas, auga sucia dos charcos, mirinda, pesicola e, algunhas veces, hasta cabalo.

Pola súa parte Suso Trapos era o cerebro da banda. Pequeniño, pero cerebro a final de contas. Planeaba os asaltos con astucia e axilidade felina. Nunca actuaron con un plan que non tivese diversas variantes: A, B, C, D... Sempre atando cabos e non deixando nada á improvisación. Ao final sempre utilizaban o plan Z, que consistía en coller todo o que lles cabía nas dúas mans e correr, iso si, morados perdidos, cara á comisaría máis próxima. Para non perder tempo vaia.

Hoxe andan os dous por aí libres, como o vento libres, como a pomba libres.

Hai pouco gritaba Pablo Cuchara cun machete de tres metros na man ameazando a un policía:"¡Que veña Suso ou mato a alguén!". logo de tirarlle varias veces o coiteliño ese a un membro das forzas e corpos de seguridade do estado (¡para habelo matado!), o trincou un furgón con cincocentos mil policías armados ate os dentes. Ao outro día xa estaba na rúa, roubando galletas, caixas de mistos, gayumbos apalominaos e esas cousas. Libre, como a gaivota libre.

Comentarios