Unha xeración única

Só quería despedirme de Carmelo Teixeiro nunhas poucas liñas.
A noticia da súa morte encheume de tristura por varias razóns. A primeira porque era unha persoa necesaria, imprescicindible diría eu, para unha sociedade en crise de valores como a que vivimos.

A morte sempre me parece un erro, incluso tendo unha visión transcendente, pero aínda o é máis cando os que se van son xente como Carmelo.
Compañeiro do meu pai no movemento obreiro ferrolán, considéroo parte do sustrato co que se formou a miña personalidade, e aínda que a vida levounos por camiños diferentes no sentido físico, non foi así no ideolóxico.
Sendo neno rebautizoume, e o seu diminutivo cariñoso acompañoume ata ben entrado en anos. Aínda manteño un recordo indeleble do noso paso pola "aldea fantasma" en Monfero, cando non levantaba máis aló dun palmo, nunha convivencia de familias unidas polo seu sentimento de amor profundo polo mundo obreiro.

Penosa coincidencia a forma en que o destino decidiu levar a estes vellos compañeiros, Carmelo e o meu pai.
O meu máis cariñoso e afectuoso saúdo nestes momentos duros para Victoria, a súa compañeira de sempre, e para os seus fillos.

É duro ver como se esgota unha xeración única. A última vez que vin a Carmelo foi na conferencia de Carrillo organizada por Fuco Buxán. Véndoos aos dous víñame á memoria o meu pai e pensaba ¡esta xente tería que vivir sempre!.
O certo é que eu penso que é así.

Comentarios