Urban pra Canido

Onte amencín cunha boa noticia. O Concello de Ferrol pode ser unha das tres cidades galegas beneficiarias do programa URBAN.

Urban constitúe a iniciativa comunitaria do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) en favor do desenvolvemento sostible das cidades e barrios en crise da Unión Europea. O Urban está enfocado a promover a elaboración e posta en práctica de modelos de desenvolvemento innovadores que favorezan a rexeneración económica e social das zonas urbanas en crise. O programa intensifica, así mesmo, o intercambio de información e de experiencias referentes ao desenvolvemento urbano sostible na Unión Europea.

Os programas Urban baséanse nas orientacións establecidas pola Comisión e propón modelos de desenvolvemento innovadores para a rexeneración das zonas beneficiarias, financiando para ese efecto proxectos tendentes a:

1. mellorar as condicións de vida, por exemplo, mediante a renovación de edificios e a creación de espazos verdes.
2. rear postos de traballo a nivel local, en ámbitos talles como o medio ambiente, a cultura e os servizos á poboación.
3. integrar as clases sociais desfavorecidas nos sistemas educativo e de formación.
4. desenvolver sistemas de transporte público pouco contaminantes.
5. crear sistemas eficaces de xestión da enerxía e de utilización máis intensiva de enerxías renovables.
6. utilizar tecnoloxías da información.

As medidas concretas de cada programa seleccionaranse e aplicarán mediante unha ampla colaboración entre todos os axentes interesados.

O proxecto presentado polo concello conta cun investimento de 13 millóns de euros, dos cales 9.2 procederían de Europa.

A importancia desta noticia estriba en que o Barrio de Canido entra dentro do paquete, concretamente cita un investimento de 1,5 millóns para espazos públicos como a C/Máximos Ramos, Estrela, Alonso López, o cruceiro de Canido ou o paseo da Mariña. Hai outros 1.3 millóns de euros para desenvolvemento económico, con plans para a instalación de novas empresas na zona e formación e a subvención dos establecementos tradicionais. Tamén investimentos en xardinería e limpeza e a recuperación do parque Reina Sofía.

Non fai falla explicar nada máis do proxecto para facerse unha idea da súa importancia vital para o desenvolvemento do noso barrio. Ningunha outra cidade de Galicia merece máis este Urban que Ferrol e ningún barrio merécese máis este Urban que Canido ou Ferrol Vello, o outro gran esquecido ao que todos lle desexamos unha pronta recuperación da súa longa enfermidade.

Só unha cousa, antes de meter a pata urbanizando por doquier, esperemos a facer as cousas con cabeza. O URBAN pode ser a fórmula para que o título deste blog pase dun desexo a unha realidade.

Comentarios