Manifesto

Por un Barrio Sostible
(Declaración de Canido)

  • Eu, Barrio de Canido, pai de todos vós, nestas datas de rexurdimento do espírito festeiro dos nosos antergos, do noso Patrón, despois de anos de escuridade, de abandono, de espoliación salvaxe do noso territorio, de perda da nosa identidade de barrio combativo e orgulloso da súa personalidade diferente, manifesto ante todos vós, meus queridos fillos canidienses, o meu dereito a perdurar, a ser conservado e protexido tal e como fun concibido dende o meu nacemento, a seguir sendo esta aldea urbana que son, coa cabeza erguida, sen complexo de inferioridade fronte a invasión incesante de pálido cemento.
  • Eu, o barrio dos vosos avós, invoco á vosa conciencia para loitar pola conservación do noso patrimonio cultural e histórico, humilde, como nós mesmos somos, pero de beleza infinita, desterrando a especulación como forma de desenvolvemento humano, aos ladróns de luva branca e as urbanizacións de Pocero como símbolo do progreso para o barrio. Reclamo o dereito dos meus fillos a seguir vivindo onde sempre o fixeron, a non ser expulsados pola ambición humana, aquela dos que sempre nos desprezaron e agora, co poder inexorable do diñeiro, manexan o noso destino como quen xoga unha macabra partida de xadrez.
  • Eu barrio de xente sinxela, quero un urbanismo sosegado, proporcionado e habitable, no que os moradores sexades os primeiros e máis importantes axentes urbanizadores. Quero as miñas casas baixas, as rúas estreitas, os meus patíns, o Corral do Chapón, o Cruceiro de Canido, a nosa insigne Praza da Tafona e o seu Cristo, a Rúa Alonso López, o Muiño do Vento, a Rúa da Estrela, a Rúa Alegre, Cangrexeiras, o Baluarte, A Fonte de Insua ou a Porta de Canido e as queremos tal cal son, como tamén queríamos aqueles outros símbolos que desapareceron a causa deste progreso mal entendido que conduce á nosa sociedade a un futuro de negrura e incerteza.
  • Eu barrio dos vosos pais, que non entendo de procedencias, de raza, de condición social, soamente de xénero humano, apelo á mixticidade e multiculturalidade do barrio á integración do vello co novo, do humilde co fastuoso, das leiras coas fincas, da silveiras cos setos, das corredoiras coas estradas, de internet coa fala baixo a lúa, pídovos que preservedes o noso xeito de vida autóctono de conversas nas prazas, de paseos tranquilos e de cantos a gorxa tendida de tenores aclaretados nas nosas tascas en perigo de extinción.
  • Eu Canido, barrio dos vosos fillos, desexo ver bulir polas miñas rúas e prazas aos veciños e veciñas do barrio, aos nenos e nenas, como tamén bule o sangue polas vosas veas, desterrando ás máquinas CO2 do noso escaso espazo público, para devolverlle o protagonismo perdido á cidadanía a pé ou en bicicleta, sementando dende o máis próximo, dende o barrio, unha nova conciencia baseada nunha mobilidade máis sostible, afrontando cunha visión solidaria e esperanzadora o gran reto que lle supón á humanidade a loita contra o cambio climático. ¡Canto me gustaría ver a miña columna vertebral, a que une os meus máis queridos órganos vitais, o Cruceiro e a Tafona, libre de coches e chea de Meninas!.
  • Eu Canido, o voso fogar, pídovos que non sigades o tsunami do consumismo desaforado se non o do consumo responsable, xusto, solidario e respectuoso co medio ambiente, o consumo de proximidade, nas nosas tendas e no noso comercio, o que rexentan os nosos veciños e veciñas, fomentando unha economía local viva e forte de produtos e servizos propios, que promova o emprego entre os nosos mozos e permita exportar a creatividade da nosa xente para facer emerxer unha nova centralidade atractiva e dinamizadora no noso barrio. ¡Canto me acordo da tenda do Clavel, do quiosco de Paca, do ximnasio en cooperativa, da gardería os Picairiños, de Mérida, dos grupos de Tempo Libre, da Palma, de Fe, tantos e tantos que me veñen a memoria, todos no barrio, xuntos, preto das nosas casas!.
  • Eu, a voz da experiencia, reclamo unha convivencia pacífica das nosas xentes e manifesto o meu desprezo máis absoluto a toda forma de autoritarismo, como as ditaduras de brocha gorda que de cando en vez nos dominan. Fronte a elo reivindico unha democracia participativa e madura, sen esperpentos “biosaudables”, e o outorgamento da maioría de idade ás nosas xentes para decidir e ser consultados en todo aquelo que afecte ao noso futuro e ao dos nosos fillos, moito máis cando poida quebrantar o noso equilibrio ecosistémico.
  • Eu voz dos sen voz, quero un barrio que loite contra a exclusión social, a pobreza, a marxinación, como sempre se fixo de xeito natural, como está nos xenes da nosa xente, de Reme, de Fina, de Mari, de Patro, de Sefa, de José Manuel, de Angel Brea, de Magdalena, de ti mesm@, d@ que estás lendo este manifesto, un barrio que, en apoio das persoas e as familias, sexa o primeiro eslabón da cohesión social.
  • Eu barrio festeiro como ningún outro, de xolda improvisada, de carallada ate o amencer, que cada día me sentía máis e máis triste de ver como desaparecía o substrato que tanto tempo custou de formar, mantido como un ferro ano tras ano coa ofrenda floral da miña xente á Santa Cruz, síntome tremendamente contento de ver como se recuperan os nosos costumes máis arraigados: Os pasarrúas, Os Maios e, por suposto, O Toldo da Tafona, o mellor exemplo de solidariedade entre os veciños, que sen esquecer a festa, mantiñan viva a memoria dos máis necesitados.
Hoxe teño ganas de bailar, de brincar, de botar unha cantada, de escoitar a Gaita de Carlos Zaera, ¡¡sempre vivo!!, pero antes quérome lembrar, como barrio dos nosos antergos, de tantísimos veciños que traballaron dura e desinteresadamente para crear un bo sitio para vivir, con Correa, Quinín, Purifica, Lola Bello, Leira, Araceli, Lala, Colola ou Merceditas como pequenísima mostra dunha listaxe interminable, co noso mestre, o noso ESPÍRITO, Don Gabriel á cabeza, impulsor e canteiro da nosa personalidade, como tampouco me podo esquecer dos nosos personaxes senlleiros que dende arriba nos seguirán a ritmo de tamboril, de Pimborete a Lolo Huertas, que non se resignaron a vivir nun barrio calquera, que quixeron vivir en CANIDO.
¡Veña carallo a que esperas, vai a festa, cóllea e non a soltes! Opaiiiiiiiiii !!!!!!
(Transcrición literal do manifesto ditado a viva voz polo Barrio de Canido a Faustino V)


DESCÁRGATE O MANIFESTO