Os novos Mapuches















Cando hai dez anos lía aquela noticia do País describindo a comunidade de "Os  Mapuches" liderada por Domingo Seivane e  Maru, que conseguiran unir a un nutrido grupo de persoas co obxectivo de darlle nova vida aos terreos agrícolas de Canido en estado de abandono, non me imaxinaba que nalgún momento esa historia ía retomarse coa forza que neste momento está a alcanzar.

Agora Domingo e  Maru, por unhas razóns e outras, deixaron paso a diferentes propostas que están a empezar a florecer:

Durante 2020 foi a Cáritas parroquial de Santa Cruz coa Cáritas Diocesana quen inicia un proxecto de capacitación agrícola para 10 persoas utilizando para iso os terreos cedidos en precario polos herdeiros ideolóxicos de Domingo. Grazas a esa proposta, os terreos situados na zona do lavadoiro de Ínsua volveron ver como as leitugas en todas as súas variedades, os repolos, as coliflores, o coandro ou as  nabizas invadían de novo parcelas que estaban destinadas ao absoluto abandono. Con ese proxecto pretendíase a creación dunha cooperativa de consumo responsable para dignificar a vida das familias, rompendo así a actual dependencia na obtención dos recursos básicos alimentarios necesarios para o seu día a día, dentro dun marco de produción ecolóxica.

Sen deixar de lado esa vía de recuperación de espazos do barrio, a  Asociacion Veciñal consegue a cesión dun solar non edificado para a creación dun espazo destinado a horta urbana pero cunha característica que o fai especialmente singular: aglutinar a diversas entidades do educativo, como o Colexio San Rosendo, dos social, como a Cáritas de Santa Cruz de  Canido, ao grupo  Xeración e á Asociación Española Contra o Cancro, coa colaboración de  Agroflor e a participación do  Concello de Ferrol. Unha simbiose de obxectivos que o fai extremadamente sólido.

Poderiamos pensar que a idea dunha horta urbana non é algo novo, que xa existen máis experiencias polo mundo e, certamente, é así. Non ten nada novo, e esa é a gran novidade, porque a recuperación da memoria, do patrimonio, dos recursos consiste xusto niso, en fortalecer o noso futuro apontoado en todo aquilo do noso pasado e presente polo que merece a pena loitar.

Só unha comunidade con obxectivos comúns,  interdependiente e aberta, que rompa os egoísmos propios que nos  atenazan, é capaz de frear calquera proceso especulativo e de xentrificación que destrúa o noso ecosistema humano.

E creo que, como os Mapuches, temos que defendelo.

Faustino V 

En homenaxe a Maru e Domingo pola súa herdanza

Comentarios

Publicar un comentario