Canidos interruptus

Canido [13/03/2014]
Joer, que non creía eu que sería quen de voltar a escribir no meu primeiro e querido blog, pero debo estar afectado pola crise dos cuarenta: a volta ás orixes, o reencontro e todas esas cursiladas. En fin. O caso que sendo eu un dos moitos afectados polas obras do Urban en Canido, quería deixar constancia da miña crítica por escrito, máis aló das que xa me tedes escoitado moitos de palabra. 

O certo é que probablemente fora eu dos primeiros que fixen un alegato en favor do Urban para o barrio nos inicios deste blogue, cando moitos nin sabían de que estaba falando, máis que nada porque fun testemuño e partícipe dalgún outro nalgunoutra cidade da que non ven a conto falar, onde esta riada de cartos permitiu o desenvolvemento e dinamización do seu entorno a tódolos niveles. 

Non podo negar que esa ilusión inicial ía tornando en auténtico asombro a medida que o tempo transcurría e os proxectos e as máquinas non aparecían polo noso barrio, para pasar a pánico en canto estas asomaron polo horizonte e fixeron acto de presencia nas nosas rúas e prazas, finalizando en desesperación unha vez abandonaron o noso territorio deixando un rastro de cemento e ineptitude ao seu paso. 

Decir que antes as cousas estaban mellor sería mentir: o cruceiro como rotonda ou rúas feitas merda e tomadas polos coches non son o mellor exemplo de paisaxe urbana, pero é que non todo vale. Non valen tódolos materiais, non vale calquera execución con tal de que mellore en algo o existente e moito menos vale facer as cousas sen planificación e sen contar coa cidadanía xustificando todo con "árboles de grande porte". 

Non pasaron máis de un par de meses dende que os traballadores deixaron as obras e xa parece todo vello: charqueiras, regueiros, sedimentos, verdín... unha obra digna da Rumanía de Ceușescu. Seguro que alguén dirá que era xusto eso o que se buscaba. Os artistas somos así, dirán.

Paréceme a min que detrás de todo esto había unha boa intención que se deixa entrever nalgúns dos resultados como a apertura de Máximo Ramos e en parte da idea do Cruceiro, en definitiva en destellos que non compensan o resultado final. Un quero pero non podo. 

Lémbrame a eses grandes fichaxes que non resultan. Que un día cun par de regates parece que van, pero que non. En fin como eso que estades pensando.

Un Canidos interruptus, ou algo así.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Festas de Santa Cruz 2017

Meninas de Canido 2017