Juan Carlos Monteagudo

Canido [03/02/2015]
...tres, dous, un, cero!, e o foguete sae da terra en dirección ao espazo exterior. Dende o cume do Campo dos Peludos, un grupo de mozos observa a parábola descrita polo chispeante obxecto voador ate que unha explosión libera o módulo lunar que levará ao seu ocupante a aterrar, de xeito forzado, sobre o terreo que, na parte baixa da parcela, espera a finalización desta rápida aventura interestelar de escasos dez segundos de duración.

Os xoves expedicionarios corren cara á nave espacial para buscar signos de vida no seu interior. Rompen a deformada plastilina coa esperanza de atopar vivo o saltón astronauta que segue atrapado entre esa pasta azul, mesturada con terra e restos de follas secas. 

Así eran a diario as aventuras que unían un grupo de amigos arredor do enxeñoso Monteagudo. Unhas veces era un foguete, noutras un canón elaborado a partir de tubos de lámpadas vellas, cargados con pólvora artesá a base de clorato potásico, xofre e carbón vexetal, con balística consistente en proxectís de chumbo conformado cunha lima no vello taller da familia Carrillo.

Juan Carlos Monteagudo era eso, un xenio, unha mente brilante, probablemente inspirada na teoría que impartía o vello Don Luis nos Reis Católicos. Un talento que na súa vida adulta ninguén quixo nin soubo aproveitar. 

A súa vida profesional estivo marcada polo sino do fracaso ao que boa parte dos ferrolans vense abocados polos designios do capitalismo máis salvaxe, que despoxa ao ser humano da súa dignidade como traballadores e membros dunha comunidade viva. 

Foron curiosamente "Los Ideales" nos que traballaba, fagocitados por unha Arriva á que lle importaban un carallo os compromisos existentes, os que frustraron o seu ideal de vida, levándoo a unha espiral de abandono que moitos de nós non fomos quen de evitar, simplemente porque nin o intentamos.

Faleceu totalmente só e sen os ingresos básicos que todo home e muller precisan, pouco despois de que a súa nai, meses antes, se fose á presenza do Pai, coma se dende o alto o convencese de que alí sería moito máis feliz que neste puto mundo. El accedeu, demostrando despois de morta o mesmo cariño e coidados con que a tratara en vida.

Aquí, xornalistas marcados polo morbo só se fixáron en aqueles aspectos superficiais que puidesen atraer lectores á súa crónica cun titular impactante, obviando a realidade que escondía esa situación que se acababan de atopar, como as ratas dunha cloaca, negra e fedorenta. 

Foron precisamente estas historias as que nos uniron, sin sabelo, por última vez despois de moitos anos, apoiados na parede das casas da mariña, mirando o lugar onde antes estaba noso Campo dos Peludos, e pola que agora xogaba aquela gata túa que un día decidiu saltar pola ventá en busca da liberdade. 

Seguidor de Canido Sostible espetoume coa súa voz extremadamente tranquila aquilo de que "así que ti eras Faustino V". E eu, claro, descojoneime de risa. 

Hoxe non podo máis que lembrarme de ti e pedirte perdón por non ter estado contigo cando máis o necesitabas.

Comentarios