Encrucillada

Moitos somos os que coñecemos a revista galega de pensamento cristián Encrucillada, xurdida nos albores da democracia, no ano 1977, a partires das inquietudes de certos cregos provocadas polo Concilio Vaticano II, sendo a semente os Coloquios Europeos Parroquiais, aló polo ano 1966. 

Nos tempos de Monseñor Arauxo, aquel bispo que algúns querían levar ao paredón por "rojo", cando o cambio político era xa unha realidade, nace, e isto é menos coñecido, en Canido na rúa Insua, esta revista que pretendía ser continuación da revista Logos suprimida no 36 polo franquismo.

Foi dirixida inicalmente por Torres Queiruga, cofundada por Xosé Chao Rego xunto cun grupo de cregos de ferrolterra que durante o tardofranquismo estiveron na vangarda da loita contra a dictadura, implicados fondamente no movemento obreiro.

Por aqueles tempos a Domus Eclesiae estaba en plena efervescencia, a mesma Domus que hoxe quizáis vese co mesmo recelo que á xerarquía da igrexa, pero que sendo xustos témoslle que recoñecer o papel xogado en tempos onde un mal paso tiña implicacións terribles. 

Foi refuxio da clase traballadora e lugar de acollida a boa parte dos militantes de esquerdas que non tiñan outra plataforma na que expresar ás súas ideas e que logo non sei se foron todo o agradecidos que deberan ao chegaren ao poder e ás poltronas. 

Hoxe Encrucillada goza de boa saúde, e o seu nome máis vixente que nunca. 

Menuda encrucillada na que nos atopamos.

Boa Noite



Comentarios